Friday 03 de May de 2024

A Xunta completa o proxecto de dixitalización dos sete parques galegos e catro aulas da natureza doutros espazos naturais


A conselleira de Medio Ambiente e a directora da Amtega visitaron hoxe o centro de interpretación das Fragas do Eume, que acaba de ser equipado cunha mesa interactiva, un sistema de realidade aumentada e gafas de realidade virtual
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de completar a dixitalización dos seis parques naturais galegos, do Parque Nacional das IIlas Atlánticas e das aulas da natureza de Siradella (O Grove), O Courel (Folgoso), O Veral (Lugo) e Ximonde (A Estrada-Vedra). En total, 11 espazos dotados con solucións tecnolóxicas innovadoras para facilitar aos visitantes o acceso a información sobre rutas, servizos, patrimonio, flora e fauna de cada un destes enclaves dun xeito lúdico e atractivo.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, visitaron hoxe as Fragas do Eume (A Coruña) para supervisar e coñecer de primeira man as solucións tecnolóxicas incorporadas ao centro de interpretación deste parque coruñés, coas que se completa o proceso de dixitalización dos 11 espazos previstos na iniciativa.
Concretamente, as instalacións das Fragas están equipadas cunha mesa interactiva con 30 fichas que ofrecen información gráfica e textual sobre a fauna e flora deste espazo natural que se proxecta nun videowall, cada vez que o usuario levanta a ficha. Ademais, este parque dispón tamén dun sistema de realidade aumentada que permite visualizar información sobre os principais puntos de interese, desprazando un monitor sobre un vinilo coa contorna do parque.
A dotación tecnolóxica a disposición de quen se achegue a coñecer as Fragas do Eume complétase cunhas lentes de realidade virtual que permite aos visitantes simular a súa presenza nun espazo natural a través da visualización dun vídeo composto por fotografías en 360º, tomadas en diferentes puntos dos espazos naturais incluídos na iniciativa.
Durante a visita, a conselleira Ángeles Vázquez amosouse satisfeita co resultado do proceso de modernización tecnolóxica acometido nos centros de interpretación dos seis parques naturais existentes en Galicia (Fragas do Eume, Corrubedo, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Baixa Limia-Serra do Xurés e Monte Aloia); no centro de visitantes de Vigo do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia; e nas aulas da natureza situadas en O Courel, O Veral, Siradella e Ximonde.

Grazas ao proceso de innovación tecnolóxica acometido da man da Amtega, cun investimento de máis de 420.000 euros, a conselleira subliñou que os visitantes poderán acceder a toda a información relevante sobre algúns dos principais espazos naturais de Galicia e as súas contornas dunha forma “lúdica, interactiva e atractiva”, o que contribuirá a potenciar o turismo de natureza na comunidade.
Na mesma liña, lembrou que este proxecto de dixitalización vai na mesma liña da estratexia desenvolvida pola Xunta nos últimos anos co fin de promocionar e poñer en valor os nosos espazos naturais. Así, a conselleira referiuse ao novo portal Galicia natural e única no que inclúen contidos relacionados cos 17 espazos imán identificados na comunidade, é dicir, enclaves con algún tipo de protección que se caracterizan polo seu alto valor natural e singularidade, así como pola súa popularidade entre a poboación galega e quen nos visita.
Pola súa banda, Mar Pereira, lembrou que esta iniciativa enmárcase tamén nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2020, a folla de ruta do Goberno galego para consolidar a dixitalización de servizos públicos, e sectores estratéxicos para Galicia. A directora da Amtega, sinalou que, como todos os procesos de dixitalización que desenvolve a Axencia Pública, esta iniciativa abordouse dun xeito integral e cun enfoque global, que permita evolucionala nun futuro. Un estudo e análise previa das necesidades de posibilidades de cada un dos 11 espazos determinou a dotación do equipamento máis axeitado a cada caso cun mesmo obxectivo: ofrecer información sobre os servizos, rutas, flora e fauna de cada parque e aula da natureza dun xeito más atractivo, lúdico e en soportes audiovisuais e interactivos.

Equipamento tecnolóxico
Unha plataforma de contidos permite que cada parque xestione a súa información que se proxecta ben a través de videowalls, pantallas informativas ou mesas interactivas. A distribución deste equipamento estarse a realizar en base a un estudo previo de necesidades e posibilidades de cada un dos espazos naturais contemplados no proxecto, que inclúe, tamén, solucións de realidade aumentada ou gafas de realidade virtual.

Ademais, estes contidos están accesibles desde outras canles como o referido portal Galicia natural e única e a aplicación dos parques. No marco deste proxecto, tanto a web como a app ofrecen xa novas versións. O novo portal amplía os seus contidos incluíndo información de todos os parques, reservas da biosfera e catro espazos naturais de Galicia baixo a etiqueta de espazos imán.

A aplicación dos parques naturais de Galicia, dispoñible en IOS e Android, posibilita o selado dixital do Pasaporte Natural ao activar a localización do dispositivo móbil cando se visita algún destes espazos.

Premiar a visita
A Xunta de Galicia quere premiar o esforzos dos visitantes que se achegan aos parques galegos; polo que se darán tres premios ás tres primeiras persoas que completen o pasaporte dixital.

O galardón consistirá nunha experiencia natural a elixir entre as distintas actividades ecoturísticas e aloxamento nos parques naturais de Galicia, unha oferta extensa e variada que ofrece aloxamentos de turismo rural, experiencias de restauración, visitas guiadas, rutas fotográficas ou ornitolóxicas, actividades que combinan o deporte e o turismo, a través do sendeirismo, ciclismo, equitación ou ben saídas en barco, kaiak, paddle surf ou paddleboard; ademais de visitas a covas, aldeas ou adegas.

Para ampliar a información destas experiencias ecoturísticas pódese consultar a web: http://galicianaturaleunica.xunta.gal/es/experiencias-naturais